Friday 10 de May de 2024

Riveira vivirá no 2015 un dos programas de Entroido máis completos da súa historia


Activa implicación da hostalería no deseño do calendario de eventos

Santa Uxía de Riveira, 5 de febreiro de 2015.- Todo esta preparado en Riveira para principiar a celebración do Entroido, con máis dunha vintena de actividades que servirán para conmemorar unha das festas máis aclamadas polos veciños do municipio.

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e Isabel Lapido no nome da Asociación de Empresarios, foron os encargados de pormenorizar o calendario de eventos, que arranca hoxe mesmo co tradicional obradoiro de cociña e repostería de Entroido.

Nos próximos días sucederanse todo tipo de iniciativas, como espectáculos de animación de rúas, choqueirada infantil, un baile dos maiores en Corrubedo, a festa da noite de Entroido, o Festival de Murgas e Comparsas ou o Enterro do Felipe.

Tamén hai que destacar as distintas actividades promovidas pola hostalería: concurso de decoración de locais, un concurso de disfraces, actuacións musicais, obradoiros de maquillaxe, unha ruta de tapas do Pequeno Entroido e, para finalizar o martes 24 de febreiro, a súa gala anual solidaria.

Programa:

Do 10 ao 13 de Febreiro

OBRADOIRO DE COCIÑA E REPOSTERÍA DO ENTROIDO

Lugar: Aulas de Servizos Sociais
Datas e horario: Do 10 ao 13 de febreiro de 19:00 a 21:30 h
Destinatarios: Persoas de 16 anos en diante / Mín. 13 – Máx. 25 prazas
Información e inscricións: Do 6 ao 9 de febreiro, de 10 a 14 h
no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira – Tlf. 981 835650 e culturaefestexos@riveira.com
Publicación de listaxe de admisión: 10 de febreiro antes das 14 h no CC. Lustres Rivas e en www.riveira.com

Inscrición de balde e por rigorosa orde!

VENRES, 13 de Febreiro

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COA CHARANGA:

“O SANTIAGUIÑO DE PADRON” a partir das 9 da noite!

SÁBADO, 14 de Febreiro

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DO COMERCIO E A HOSTALERÍA
DE RIVEIRA COA BATUKADA DO ENTROIDO (MALABARES, MÚSICA, BAILE, LUME…)
A partir das 8 da tarde!

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COA CHARANGA:

“O SANTIAGUIÑO de Padrón”, a partir das 11 da noite!

DOMINGO, 15 de Febreiro

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA CON TRÉCOLA E CABEZUDOS CARNAVALEIROS:

A partir da 1 da tarde!

CHOQUEIRADA INFANTIL

Aviso a todas as máscaras e caretas, choqueiros, príncipes e princesas, demos, elfos, merlíns, piratas, cavernícolas, ratos, gatos, lunnis, gormittis, pallasos, monsters high, bob esponjas e demais seres de fantasía que queiran pasar unha tarde de entroidada.

Ás 17:00 h. na Carpa do Entroido (Paseo do Malecón) unha reviravolta de bulicio, algarabía, barafunda e profano divertimento, dará comezo á GRANDE FESTA INFANTIL para os máis cativos, amenizada por animadores de xogos, mascotas, desfile de disfraces con entrega de diplomas, obradoiros variados e moito máis…

Entrada libre e de balde!

Todos os nenos e nenas deberán ir disfrazados.

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COA CHARANGA:

“O SANTIAGUIÑO de Padrón”, a partir das 6 e media da tarde!

BAILE DOS NOSOS MAIORES:

A cargo dun grupo musical, na Casa do Mar de Corrubedo, a partir das 8 da tarde!

LUNS, 16 de Febreiro

FESTA DA NOITE DE ENTROIDO

Música, luces, animación, e baile na Carpa do Entroido,
a partir das 00:30 horas, no Paseo do Malecón.

Entrada libre e de balde!

ANIMACIÓN DAS RÚAS E PRAZAS DA HOSTELERÍA
DE RIVEIRA COA CHARANGA:

“O SANTIAGUIÑO DE PADRON” a partir das 12 da noite!

MARTES, 17 de Febreiro
FESTIVAL DE MURGAS E COMPARSAS

Ás 17:00 h. sairán da Carpa do Entroido as murgas e comparsas, acompañadas no desfile polas charangas “O SANTIAGUIÑO” de Padrón, “BB+” de Vedra e “ROUBA BICOS” de Vilagarcía, así como unha morea de personaxes que advertirán ao cidadán dos perigos de andaren a soas polas rúas.

As “Murgas Adultas” competirán no festival por un Primeiro Premio de 1.000 €, un Segundo Premio de 600 €, un Terceiro Premio de 400 € e un Premio Local de 350 €, para o que haberá un Xurado Entroido-Profesional composto por cinco membros, especialistas en Artes Escénicas e Caracterización, Letra e Música, Vestiario, Maquillaxe e Peluquería e a Presidencia que recaerá na Concelleira de Cultura e Festexos ou en que delegue, ademais do Secretario, con voz e sen voto.

Festival e actuación: Carpa do Entroido.
Bases en www.riveira.es

MÉRCORES, 18 de Febreiro
ENTERRO DO FELIPE
O finado
FELIPE DE RIVEIRA
Falecido e Confortado con Filloas e Augardente
R.I.P.
A súa dona, fillos, irmáns, curmáns e demais familia .
Pregan unha oración polo seu eterno descanso e agradecen a asistencia ao funeral do corpo presente que se vai oficiar no día 18 de febreiro ás 19.30 horas e ao posterior acto de incineración dos seus restos mortais na Praza de Pontevedra.
Oficiará o Sr. Bispo de Moldes, a Súa Eminencia Re-verendísimo Doutor Da Folla Seca quen virá na compaña do Sr. Marqués de Cacharrachada e o Sr. Gobernador do Entroido Excmo. Sr. D. Pedro Pateiro, ao ritmo da comparsa “O SANTIAGUIÑO” de Padrón,
polo que a familia suplica encarecidamente o máis rigoroso loito nos actos de sepelio e as moi ferventes manifestacións de dor e pranto por tan irreparable perda e por mor de abrandar os corazóns de tan importantes persoeiros e por aquilo de que “quen non chora non mama”.
Unha vez enterrado afogaremos todos xuntos os pesares na
Rúa de Portugal (praza entre Facenda e o Auditorio),
-e se chove a mares e escacha na rúa será na Carpa do Entroido-,
con preñados, orellas e rosquiñas, todo isto regado co mellor viño
Barrantes e demais bebidas para os padais máis exquisitos.
Favores polos que anticipan grazas.
Saída do acompañamento ás 19.30 h, dende o Palco de Pedra do Malecón
(R/ Romero Ortiz) pasando por Malecón, Concordia, Galicia, Canarias, Miguel Rodríguez Bautista, Mariño de Rivera, Praza do Concello, Rosalía de Castro, Galicia, Manzanares ata chegar á Praza de Pontevedra.

ACTIVIDADES DA HOSTALERÍA DE RIVEIRA

Organiza o Centro Hostaleiro Aberto de Riveira e a Asociación de Hostaleiros de Riveira. Colabora a Concellería de Cultura e Festexos.

CONCURSO DE DECORACIÓN DE LOCAIS DA HOSTALERÍA:

Deberán estar decorados do 13 ao 18 de febreiro. Prazo de inscrición, do 6 ao 12 de febreiro, ata as 14 h, no correo culturaefestexos@riveira.com

Venres 13 de Febreiro

CONCURSO DE DISFRACES:

Polos distintos locais da hostalería participantes. Premios ao mellor disfraz individual (100 € primeiro e segundo), mellor parella (200 € primeiro), mellor grupo (400 € primeiro) e vales de masaxes, aquagym, piscina con spa, etc aos segundos e terceiros premios. Todos os participantes, que cubran a totalidade das casillas da tarxeta, terán un premio de 1 masaxe no Complexo Deportivo da Fieiteira. Os que queiran concursas poderán coller a tarxeta en calquera dos locais participantes o mesmo día do concurso, venres 13 de febreiro. Puntuación por parte dos hostaleiros. Bases en www.riveira.es

Organizado polo Centro Hostaleiro Aberto e a Asociación de Hostaleiros de Riveira.

OBRADOIRO DE MAQUILLAXE, na R/ do Sal, a partir das 20:30 h, de balde. Organiza Asociación Cultural Rúa do Sal.

CONCERTO DE “OS LETRISISTAS”, na Caseira, a partir das 00:00 h e Obradoiro de Maquillaxe. Organiza Bar A Caseira.

Sábado 14 de Febreiro

CONCURSO AO DISFRAZ DA PARELLA MÁIS GLAMUROSA, Polos distintos locais da hostalería participantes, o sábado 14 de febreiro. Premio Único: unha noite nunha Casa Rural, con caixa de bombóns e botella de cava (previa cita no establecemento rural). Puntuación por parte dos hostaleiros. Bases en www.riveira.es

Organizado polo Centro Hostaleiro Aberto e a Asociación de Hostaleiros de Riveira.

Sábado 14 e Luns 16 de febreiro. ACTUACIÓNS MUSICAIS a cargo dun dúo ou trío. A partir das 22 h na Praza de Vigo. Organizan Balado, Mórrison e A Tu Gusto.

Domingo 15 e martes 17 de febreiro. OBRADOIROS DE MAQUILLAXE INFANTIL NA PRAZA DE VIGO. A partir das 18:00 h, de balde –en caso de choiva será no Balado, Mórrison e A Tu Gusto-.

Sábado 21 de febreiro

RUTA DE TAPAS DO PEQUENO ENTROIDO:

Sábado 21 de febreiro, de 12 a 16 h. As tapas deben ser relacionadas coa temática do Entroido (exp. Cocido, laconada, orellada…). Prazo de inscrición para locais participantes, do 6 ao 12 de febreiro, ata as 14 h, nos correos culturaefestexos@riveira.com e correo@empresariosriveira.com

Martes 24 de febreiro

GALA ANUAL SOLIDARIA DA HOSTALERÍA DE RIVEIRA

Haberá degustacións e eventos variados; a partir das 12 h todo o día, entrada de balde. Información na Asociación de Empresarios de Riveira (981 873 719 – correo@empresariosriveira.com). PODES COLABORAR LEVANDO alimentos, roupa, xoguetes, menaxe, etc a beneficio de STOP DESHAUCIOS DA BARBANZA. No transcurso da gala entregaranse os premios dos distintos concursos do Entroido 2015.

Bases dos concursos en www.riveira.com